Aldea Muchiqueira, 24,15510 Neda,A Coruña

981 34 76 90

Imaxes da limpeza na ribeira de Neda

Imaxes da limpeza na ribeira de Neda

Imaxes da limpeza na ribeira de Neda

O pasado sábado, dezaoito voluntarios, algúns socios de Néboa Medio Ambiente e outros veciños de Neda que desinteresadamente quixeron participar con nós da limpeza da ribeira, puxeron luvas e calzaron botas de goma para percorrer a ribeira dende a desembocadura do río Xubia ata a desembocadura do río Basteiro para recoller o lixo arrastrado polo río e acumulado durante as últimas choivas. Quitamos de todo, unha morea de cables, sacos de olas de cociña, vaixela, roupa, calzado, cadeiras, un cabeceiro de cama, moitas botellas de plástico e cristal, … cos que enchemos moitos sacos, arredor de 40 nas dúas horas e media de traballo dos voluntarios que esa mañá se achegaron ata o paseo marítimo de Neda para acompañarnos. Moitos paseantes aplaudiron a labor que realizamos, e outros, como case sempre, opinaban que o noso era un traballo inútil e que o concello ou a Xunta deberían facer o que nós estabamos a facer. 

Néboa Medio Ambiente sempre foi da idea de que os cidadáns de a pé deben colaborar coas administracións públicas e contribuír a manter a saúde ambiental dos nosos espazos naturais, así levamos facendo dende hai máis de 25 anos, e así seguiremos facendo, todos os anos, caladiños, sós ou acompañados daqueles que queiran colaborar con nós e sen esperar nunca a cambio máis gratificación que a satisfacción de contribuír a manter limpos os espazos naturais que nos rodean.

Recollimos moito, pero quedou algo sen recoller, unha enorme cantidade de madeiras, paus e troncos que intentaremos abordar máis adiante coa colaboración do concello porque esa limpeza vai precisar de algo máis que de mans e sacos; en todas as nosas limpezas sempre atopamos paus e madeiras, pero nunca en tanta cantidade e de tan grandes dimensións, así que que en breve levaremos a cabo a segunda parte da limpeza desta pasada fin de semana.

Deixo as fotos dun día de limpeza maravilloso no que nos acompañou o tempo e agradecendo de corazón a colaboración de todos os voluntarios que a fixeron posible.