Esta fin de semana, os voluntarios de Néboa Medio Ambiente veñen de poñer en marcha o viveiro de sementes de árbores autóctonas da área natural de Vilarbó; aproveitando o vello invernadeiro que levaba tempo sen ser utilizado como tal, e despois de reparar o plástico que o cubre, esta fin de semana iniciamos as tarefas de sementado de castañas e belotas en recipientes de refugallo (bricks de leite, botellas de aceite, botes de cacao, … ) coa idea de reproducir os nosos propios castiñeiros e carballos en Vilarbó. Levamos anos a facer plantacións de árbores autóctonas tanto en Neda como en Vilarbó pero prácticamente sempre o fixemos mercando os plantóns a viveiros da zona así que nos apetecía experimentar e probar a sementar no noso propio viveiro despois de apañar por Vilarbó adiante castañas e landras das árbores da zona. Coa idea de aproveitar as macetas nas que veñen os plantóns das árbores que plantamos nas nosas plantacións, quixemos tamén probar a transplantar pequenos castiñeiros e carballos que medran ás beiras dos camiños e no medio das nosas plantacións, arboriñas que habitualmente desaparecen cando os tractores limpan os terreos para evitar os lumes do verán. En sucesivos sábados os voluntarios de Néboa sairon apañar castañas e landras, e recoller pequenos carballos e castiñeiros para transplantar e pouco a pouco foi nacendo o viveiro de sementes de Néboa Medio Ambiente, polo de agora pequeno, e que esperemos poder aumentar nos vindeiros meses.
Vos deixamos algunhas fotos dos momentos de recollida de sementes, e dos inicios do noso viveiro!!!