Aldea Muchiqueira, 24,15510 Neda,A Coruña

981 34 76 90

Nace… ANDORIÑA Agrupación ornitolóxica

Nace… ANDORIÑA Agrupación ornitolóxica

Nace… ANDORIÑA Agrupación ornitolóxica

Grupo de traballo e divulgación sobre o mundo das aves na asociación ecoloxista Néboa Medio Ambiente.

ANDORIÑA nace coma un grupo de traballo dentro da asociación Néboa Medio Ambiente, centrado no coñecemento do mundo das aves dun xeito totalmente práctico, cunha mestura entre actividades de divulgación para dar a coñecer as especies máis habituais na nosa comarca, e saídas ao entorno natural con cadernos de campo, prismáticos, telescopios e cámaras fotográficas para deixar constancia das observacións realizadas.

Tres tipos de actividades van conformar a programación da agrupación ANDORIÑA:

- Por unha banda, pequenas introduccións teóricas ás especies propostas para observación cada día de xuntanza, sempre que sexa posible acompañadas con imaxe: fotografías, proxeccións co ordenador, debuxos, … e citando só aquelas características máis relevantes da especie e os seus hábitos máis curiosos.

- En segundo lugar, saídas diarias, sempre que o tempo o permita, ao medio natural para realizar observación de aves e aprender o manexo dos prismáticos, o telescopio ou a cámara de fotos.Na maioría das ocasións as observacións se realizarán na contorna de Neda pero algunhas tamén achegarán aos participantes na agrupación a ecosistemas próximos de especial relevancia ornitolóxica: Maniños, Valdoviño, Ortigueira, Estaca de Bares, … Os membros da agrupación realizarán rexistros diarios das súas observacións nun caderno de campo no que anotarán as especies observadas cada día, o número desas especies (se é posible un reconto), o lugar onde se fixo a observación, un debuxo do observado (ou foto), …. Se promoverá dentro da agrupación a realización de coleccións de plumas, a recollida de pegadas, a recopilación de indicadores da presencia de certas aves (egagrópilas, cráneos e ósos, restos de comida, niños, …)

- En terceiro lugar, e excepcionalmente, dúas veces ao ano, a agrupación vai colaborar en dúas actividades de conservación da contorna de Neda realizando unha limpeza nas beiras do río Belelle e/ou na ribeira de Neda, e unha plantación de árbores no monte de Ancos. Os días de choiva se manterán as actividades do grupo, que en vez de trasladarse ao exterior para realizar observacións e traballo de campo, quedarán no interior afondando no coñecemento das aves da comarca, na recollida de datos, nas anotacións dos cadernos de campo, na observación de fotografías e recopilación de fotografías para unha futura exposición sobre as aves da comarca.

As actividades de Andoriña van ter todos os días un punto de partida que vai ser a Casa da Cultura de Neda; alí se realizará cada día a introducción teórica da saída programada e dende alí partirán as saídas ao campo, a pé ata a ribeira de Neda ou o río Belelle as máis das veces, e con microbús cando as saídas se realicen a Maniños, Valdoviño ou Ortigueira e Estaca de Bares.

En caso de choiva toda a actividade da mañá transcurrirá no interior da Casa da Cultura.

Andoriña terá unha xuntanza ao mes, coincidindo co último sábado de cada mes.

O calendario de actividades previstas para este primeiro ano é este:

- Sábado 30 de novembro: saída para observar parrulos na ría de Neda.

- Sábado 28 de decembro: saída para observar mergullóns en Maniños.

- Sábado 25 de xaneiro: saída para observar martiños peixeiros e/ou merlos rieiros en Neda.

- Sábado 29 de febreiro: saída para observar gaivotas e charráns na ribeira de Neda.

- Sábado 21 de marzo: celebración do Día da árbore cunha plantación no monte de Ancos.

- Sábado 28 de marzo: saída para observar lavandeiras en Neda.

- Sábado 25 de abril: saída para observar andoriñas e avión en Neda.

- Sábado 9 de maio: saída por Valdoviño para ver o paso das aves migratorias.

- Sábado 30 de maio: limpeza nas beiras do Belelle e/ou a ribeira de Neda.

- Sábado 13 de xuño: saída a Ortigueira/Estaca de Bares.