Hoxe tivemos un día de inverno ben soleada e a xente de Andoriña púxose en marcha, telescopio, cámaras e prismáticos en man para dar un volta pola ribeira de Neda a ver se atopabamos algunha ave de interese. Aos habituais coromoráns, parrulos e gaivotas choronas (xa coas cabezas adornadas para buscar parella, de verde no caso do parrulo, e de castaño escuro-negro no caso das gaivotas) hoxe apenas se sumaban un par de garzas e un par de biluricos; das garcetas non había indicio algún a primeira hora- cousa ben extraña- e sen embargo hoxe unha morea de corvos amosaban a súa presencia pola zona. Algunha papuxa, algún paporrubio, algunha chasca e algún rabirrubio nos acompañaron na nosa andaina polo paseo marítimo.
Como a cousa non amosaba moitos interese nos encamiñamos polo río Basteiro arriba en dirección ao río Belelle; alí a cousa animouse un pouco. A pouco de comezar atopamos as garcetas que non víramos na ribeira, buscando alimento nunha finca próxima ao río, detrás dun robot que andaba a cortar na herba. Aínda botamos unhas risas cando as vimos! Atopamos un morea de paxaros pendurados das pólas dos ameneiros, entre eles gorrións, escribentas, xiríns e estorniños.
A cousa non deu para máis hoxe; eso sí, xa observamos os primeiros indicios da primavera, que xa sabemos que chega antes á natureza que ao noso calendario. Ademáis das cabezas coloreadas dos parrulos e as gaivotas, puidemos ver os salgueiros xa abrochados de novas xemas e os primeiros narcisos.